Lagoa de Cospeito

Nome do enclave: Lagoa de Cospeitocospeito_01
Categorías de protección: Inclúese no LIC ES1120003 Parga-Ladra-Támoga e na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Parga-Ladra-Támoga.
Localización: Pertencente ao termo municipal de Cospeito, provincia de Lugo.
Rexión: Galicia
Coordenada de Referencia: 1 Km E2906N2403
Superficie do Humidal: 70 ha.
Altitude: 397m.

Ver mapa

 
Extenso humidal localizado na chaira aluvial do río Guisande ao que permanece conectado por un sistema de comportas construídas no ano 1991, ano no que finalizaron as obras de restauración de humidal orixinal, o cál fora desecado a mediados do século pasado como consecuencia das actuacións do Instituto de Colonización Agraria.

O humidal da Lagoa de Cospeito atópase constituído por tres grandes medios ecolóxicos. Un medio de augas estancadas, representado por dúas grandes masas de auga permanente e un conxunto heteroxéneo de charcas temporais. Un medio de augas correntes, constituído polo río Guisande e as pequenas canles de auga que cruzan o humidal. E por último, un medio semiterrestre ou higrófilo, que abrangue comunidades cun grao variable de naturalidade (bosques e queirogais húmidas, xunqueiras, prados de sega, etc.).

Debido á confluencia de achegas pluviais e fluviais, configúrase unha extensa lámina de auga pouco profunda e cunha importante taxa de renovación. No período primaveral e estival, as achegas de auga descenden progresivamente, quedando exoneradas superficies que a mediados do verán permiten o desenvolvemento de formacións herbáceas de mediano porte, configurando así un intricado mosaico no que se insiren pequenas depresións que mantén a lámina de auga ata o fin do período primaveral.

A titularidade do humidal corresponde a Xunta de Galicia, quen establece como usos principais a conservación dos valores ambientais e o aproveitamento do uso público do espazo. Todo o humidal atópase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Parga-Ladra-Támoga. Dado o seu interese para a conservación, este enclave inclúese dentro da Zona “Área de Protección” tal e como se reflicte no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia .

A Lagoa de Cospeito forma parte da Zona Núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño , dispoñendo dun centro de información para os visitantes e de sendas ben delimitadas para o desfrute e uso público deste lugar.

 

VALORES MÁIS RELEVANTES

Os medios presentes no humidal da Lagoa de Cospeito albergan unha grande diversidade de hábitats naturais característicos dos humidais da rexión bioxeográfica Atlántica, once dos cales son considerados como de interese comunitario. Xunto a estes hábitats naturais tamén están representados hábitats cuxa orixe, configuración e mantemento están directamente vinculados coa actividade humana.

Os hábitats naturais de interese comunitario que alcanzan maior extensión son os incluídos dentro do grupo de hábitats de auga doce, xa sexa estancada ou corrente, temporal ou permanente. En función destas variables e do nivel trófico pódense distinguir dentro do humidal ata catro tipos de hábitats de auga doce estancada (3110; 3120; 3130 e 3150) e dous hábitats de auga doce corrente (3260 e 3270).

É precisamente nos medios de auga estancada e nas zonas de transición a medios semiterrestres onde se localizan os valores máis relevantes do humidal, destacando por enriba de todos unha poboación estable de individuos de Eryngium viviparum Gay, umbelífera incluída no Anexo II da Directiva Hábitats e sinalada como especie prioritaria. Outra especie de flora incluída no Anexo II da Directiva Comunitaria e presente no humidal, é Luronium natans (L.) Rafin, planta acuática que vive nos bordos de charcas e lagoas, así como en remansos de ríos e leitos superficiais.

ESTADO ACTUAL

Na actualidade, o enclave atópase moi ben conservado, sendo un dos humidais con maior grao de naturalidade da comunidade autónoma de Galicia.

Non obstante, as actuacións de colonización (1956) e o posterior aproveitamento agrícola do humidal de Cospeito realizado ata mediados do século XX reduciron a superficie ocupada polos queirogais, especialmente aqueles incluídos dentro do tipo de hábitat prioritario 4020* (Queirogais húmidos continentais de Erica ciliaris e Erica tetralix). A pesar de que no proceso de restauración as áreas ocupadas por este tipo de hábitat foron preservadas para favorecer a súa expansión, a súa representación é actualmente menor á que lle correspondería de forma natural.

DIRECTRICES PARA A XESTIÓN E A CONSERVACIÓN

Garantir un réxime de inundación axeitado, manter a calidade das augas e o control de especies exóticas, son os principais retos en canto á xestión deste espazo. Estas necesidades deberán ir acompañadas do axeitado fomento do uso público de humidal e dun proceso continuo de estudio no que se integre a análise da diversidade vexetal e faunística.

FOTOS

cospeito_01

cospeito_03

100708_62